Actualizado en data 23/11/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Amuletos e reliquias: As cousas boas

Case todos gardamos na casa ou no bolso, por un se acaso, un amuleto! Un allo macho (o dun só dente), unha castaña de indias, unha figa (de acibeche, por suposto), un ollomao (embigo de Venus, ollo de boi Vidal), unha estampiña (bendicida), un dente (preferible un cairo de xabarín ou de lobo), unha pedra bezoar … Quen non se emociona, sobre todo se é crente, tocando ou vendo un anaco de óso, vestido ou pelo, por moi insignificantes que sexan, do que nos aseguran pertenceu a un santo ou santa, ou ao propio Xesús Cristo!
Son milleiros os obxectos que teñen recoñecida categoría de “cousas boas”, sexan amuletos ou reliquias, “obxectos de poder” capaces de prever ou curar enfermidades, de achegar a sorte e de afastar o mal fado. Non sabemos cómo actúan, nin por qué motivo acreditamos nos seus efectos. Por tradición, por profilaxe, mais se temos que dar un parecer, encollémonos de ombros e sentenciamos: Ben non fará, pero mal tampouco.
Os amuletos son eses obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e úsanse, segundo crenzas ben arraigadas, para protexernos. En tempos era corrente levar canda un a “bolsa dos atavíos”, un “kit” de amuletos contra todo tipo de meigallos.
O culto ás reliquias ten a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. O Concilio de Trento (s. XVI) acrecentou a devoción e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un lucrativo negocio arredor das reliquias e dos lugares onde se exhiben e custodian. Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con fragmentos (normalmente presuntos) do corpo ou de obxectos cos que estivo en contacto o santo son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas, museos e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.
O próximo 25 de outubro, nunha xornada de portas abertas que se vai celebrar na Deputación de Lugo, varios especialistas expoñerán os seus coñecementos sobre os usos e abusos destes obxectos ao longo da historia. É case seguro que tamén se falará de amuletos fabulosos como son o po de corno de Unicornio (Alicorne, Alicornio) e a chamada herba cabreira.
Do Unicornio xa se fala nos libros sagrados e científicos dos primeiros séculos, e desde entón díxose que a parte nobre do animal, o seu marabilloso corno, proporciona todo tipo de beneficios. A Xoiería Refojo de Lugo confecciona e comercializa un anel que se fai con prata usada por sete mulleres chamadas María; leva un estoxo que se enche con po de corno de Alicornio e é útil contra a epilepsia.
A herba cabreira nace pasados sete anos no lugar onde expulsaron o bafo pola venta esquerda do nariz as crías das mulas. Entre as súas virtudes dise que posta na auga dun río nada contra corrente. Ademais, abre as fechaduras, protexe contra o hipnotismo e as visións. Os petos válense dela para furar as árbores e as andoriñas fan o niño con ela. Pero, se cadra, o mellor prodixio que obra é que se fregamos os cartos con ela, volven á carteira mesmo despois de usalos nun pago.
©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso (25/09/2014)

VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: