Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Medicina

CATEGORÍAS RELACIONADAS

nº 05 (2009).-NOVO, I.: O Pichón de Larín

Adoitaba levalo eu nun Seat que tiña daquela. Saiamos ben cedo de Lugo e malia chegar as máis das veces antes das sete para coller vez, sempre había quen se nos adiantaba. Algúns facían noite alí, naquela aira de casa grande, dentro dos coches. Viña xente de toda Galiza, pero tamén de diversas e mesmo de remotas partes de España. Tamén viñan de Italia cada certo tempo, concretamente de Nápoles. Un bo fato deles de cada viaxe. Había quen dicía que alugaban un chárter. O día que os da Sicilia continental aparecían en manda, todos os que agardaban torcían o bico, porque sabían que, por razón do longo desprazamento, ían ser atendidos antes ca eles. O señor Antonio, coñecido na contorna co alcume do Pichón, tiña a súa casa na parroquia de Larín, aínda do concello de Láncara, malia estar a carón do manancial de Céltigos, xa dependente administrativamente de Sarria. Meu sogro, como toda a xente que se achegaba alí, tíñalle lei e dende logo podo dar fe de que aquelas visitas periódicas non foran vas. Non o serían aínda que soamente fose pola desaparición dunha asma que viña arrastrando consigo había moitos anos, pero é que aínda por riba os seus outros padecementos tiñan notorio alivio cando a visita se producía. O señor Antonio, o curandeiro de Larín, era cando eu o coñecín un home maior de estatura máis ben alta, enxoito de carnes e seria e serena expresión. Cada día de consulta ( se non lembro mal só descansaba os luns) saía ás nove da súa nova casa de impersoal factura e percorría os poucos metros que separaban esta da vella e nobre onde atendía á xente. Os seus fieis pacientes dicían del que tiña unha cruz no ceo do padal e que logo de estar brevemente con cada un deles nunha estancia da antiga casa, el pasaba a unha peza inmediata na que medio se lle escoitaba rezar en voz alta algo así coma un ensalmo. Logo mandábaos marchar e volver pasado un determinado tempo. Moitos falaban, incluso ás veces en primeira persoa, de curación de cancros e outras duras enfermidades onde a medicina tradicional tiña fracasado. Pero tamén había falas sobre el que ían máis aló da súa faceta de curandeiro. Unha das que máis me impresionou foi aquela que lle escoitamos a outro paciente un día de agarda. Dicía o home que na súa anterior visita ao curandeiro, cando xa estaba este a rematar a xornada e só quedaba el, ademais doutra muller que estaba sendo atendida, un dos acompañantes desta, un deses tipos que van de listos coma allos e de botados para adiante, deses aos que a súa ignorancia lles fai crer que se poden rir de todo, vendo que pasaba por diante del un galo ben mantido e de moi bonita feitura, quixo facer unha graza e pillouno meténdoo no maleteiro do coche coa intención expresa de calibrar a diferenza gastronómica entre unha ave como aquela e as habituais de granxa. O galo quedou calado, quizais asustado na negrura daquela prisión na que fora metido e a señora saíu da consulta, dándolle paso ao que logo contou o acontecido. Entrou na casa e o curandeiro moi calmado mandouno sentar, agardando un anaco en silencio. Non tardaron en escoitar ambos os dous como fóra o auto que debería trasladar a penúltima paciente do día se negaba a acender malia os repetidos intentos do seu piloto. Agardou aínda un cacho e, cando lle pareceu ben, saíu amodiño e coas mans nos petos a preguntar que era o que pasaba. O outro contestoulle que non sabía por que o coche non lle quería arrancar. Daquela o curandeiro mirouno en fite e díxolle con severidade que deixase o que metera no maleteiro e que xa vería como lle acendía á primeira. O outro mirouno desconcertado, pero fixo o mandado e, como o ancián lle dixera, o coche arrincou nada máis darlle ao contacto. Así pois, os dons do Pichón de Larín ían máis aló dos dun curandeiro. Ou polo menos iso dicían e crían as xentes que trataban con el.

Fotografía: O Pichón de Larín (agasallo de Paco Nieto)

 


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

fui un cliente de este señor, y puedo asegurar la certeza, de este relato.
Julio F.B. (uorense)

Enviado por Julio.F.B. (Ourense) o 15/08/2014 ás 22:51:45


gran artigo, levaba tempo bscando datos sobre este persoaxe, e por fin o atopei. Segue asi co blog.

Enviado por jose luis o 10/05/2015 ás 23:21:22


Aun hoy es el dia que no entiendo,no se lo que paso en esa vieja casa.fue para bien.

Enviado por 19721102 o 29/10/2017 ás 4:52:48


Boa sorte tivestes, porque parte da minha familia, e mais algúns veciños,foron onda el e incluso o seu propio xenro fixolle varias visitas desde Zurich (non sei se en charter ou non), e ningunha valeu de nada, concretamente o xenro durou menos do que lle dicían os médicos en Suiza

Enviado por Jose Manuel (lugo) o 31/10/2015 ás 22:55:49


Enviar comentario a este artigo: