Actualizado en data 23/11/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Medicina

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Sobre o mal de ollo no Vicedo

Coma no resto de Galicia, no municipio do Vicedo (Lugo) existe a crenza de que a mirada dalgunhas persoas, carcomidas pola envexa, poden exercer unha influencia maléfica, ocasionando danos sobre persoas, animais e cultivos.
Contan que no Xurbal, Negradas, atopábase un home no labor de xunguir ao carro una xata nova para ensinala a traballar cando polo lugar pasou una muller que, sen afastar a vista da vaca, díxolle: "Éche moi bonitiña". O home, coñecedor dos poderes da muller, contestoulle: "A xata non ten dúbida, mais o que é bonitiño é o xugo". Nada máis poñer o carro en marcha, rompeuse o xugo.
No Folgueiro había una muller que cada vez que miraba un carro, envorcaba ou sufría calquera outro contratempo; algunhas persoas, cando se cruzaban con ela, previsoras, daban volta para a casa.
Outro costume, para evitar o mal, era cuspir ou mexar sobre o gando antes de sacalo da corte.
Por estendida por todo o país, sabíamos da tradición de colgarlle una medalla ao pescozo dos meniños aínda non bautizados en sinal de protección, mais ignorabamos un remedio, de probada eficacia, recollido en Suegos, que consistía en meterlle un anaquiño de pan na gasa ou cueiro.
Cando se mercaba un porco, vaca ou outro animal, untábase con allo ou, como facían en Xilloi e Baltar, colgábanlle allos dos cornos.

[Información remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en maio de 2009]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: