Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Lendas, mitos e ritos arredor das cruces e cruceiros d O Vicedo

Cando estabamos a realizar o inventario e catalogación das cruces e cruceiros do municipio do Vicedo, atopámonos que arredor destas mostras da nosa arte popular buligaban un bo número de lendas.
Na meirande parte das cruces, por atoparse situadas á beira dos camiños ou nas encrucilladas que comunicaban os núcleos de poboación, detíñanse os enterros para que os acompañantes oraran pola alma do defunto.
Ao pé doutras soterraban "anxeliños", nenos mortos durante o parto ou que non recibiran o bautismo, e tamén adultos. Algúns cruceiros agocháronos nos lugares máis insólitos (cortes, faios...) durante a chamada "Revolución", cualificativo que moitos vellos aínda lle dan ao curto período da República, truncado no 1936 polo sanguiñento golpe de estado ; é o caso das cruces de Ponte Segade e Manxofrío.
Non son poucas as construídas en memoria de persoas falecidas repentinamente ou por outras causas no lugar, como as da Chousa de Varela, Pimpín, Rego dos Bois, O Trobo, da Fixoa, Pena Corveira e a da Praia de San Román erixida en lembranza dun naufraxio acontecido no ano 1957.
No burgo de San Roque (Negradas), un home acadou o alcume de "O Rompecristos" por ser o autor da decapitación do cruceiro levantado diante da capela, acto máis fortuíto ca deliberado propiciado pola carga etílica.
Os mitos, alguns reais como o narrado na lenda da CRUZ DO CURRO, non son alleos a esta manifestación artística. No Cristo da Paleira, en Cabanas, e no Cristo do Chao das Bouzas, en Negradas, manifestábase a Santa Compaña. Na desaparecida Cruz de Pedra, situada por riba do casal d'A Costa, en Cabanas, intercedíase pola curación dun ser querido queimando a carón da cruz o obxecto máis prezado polo doente coa finalidade de alonxar o mal. Na Cruz das Golpeiras, en Riobarba, nas noites de brétema, o camiñante que ousaba transitar polo lugar escoitaba o tanxido dunha campá; o número de badaladas indicáballe os días ou anos que lle restaban no mundo dos vivos.
Orando diante da Cruz de Abezán, en Riobarba, curábase o "mal de ollo". Nas desaparecidas Cruz do Carballal, en Riobarba, e no Cristo de Piñeiro, en Santo Estevo do Vicedo, acostumaban depositar ofrendas. Outras cruces actuaban como protectoras do fogar, como as erixidas nos tellados dunhas casas da Capariña (Cabanas) e O Tellado (Riobarba).
Contan que un cura do Barqueiro (Mañón) pasou un día xunta o Cristo de Piñeiro ao que acostumaban poñer púcaros con leite. Fronte á cruz estaba un home a rezar unha oración. O cura, mirando para as ofrendas viu que había tamén unhas moedas. Enfastiado, deulle unha patada aos púcaros e díxolle ao paisano: "Colle os seis reás e gástaos en viño; aproveitan máis dentro do bandullo que por riba da pedra".

[Información remitida por Xabier Moure Salgado, de Pontide, Suegos, O Vicedo (Lugo), en maio de 2009]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: