Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

[Conto Tipo 56 A] A pega e o raposo

Hai moitos anos nunha carballeira moi preto de aquí houbo unha pega que fixo o niño nun carballo bastante torto e moi alto.
Despois de choca-los ovos, nacéronlle cinco peguiños. A pega estaba moi contenta e orgullosa da súa niñada. Buscaba comida para as súas crías non moi lonxe do niño, para así te-lo controlado e que ninguén se aproximara a molestar ós seus fillos.
Certo día que estaba acomerando as súas crías apareceu un astuto e famento raposo. Ó pasar por debaixo do carballo sentiu un pouco de barullo e mirou para arriba.
—Mira onde teño comida— dixo para el—. Pero o carballo é bastante alto, ¿como podo facer para mata-la fame? ¡Xa sei!
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son. —dixo a pega, toda chea de razón.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo! —dixo o raposo ameazando con corta-lo carballo.
Diante de tal ameaza, a pega púxose a cavilar: se non lle dou un fillo é capaz de tronza-lo carballo e... así vai comer a tódolos meus fillos. Así que chea de medo e dor botoulle un pego abaixo. O raposo coa fame que tiña a penas o remoeu, case que o tragou enteiro e coas plumas. Mentres a pega quedou chorando a súa perda, o raposo foise todo contento e coa barriga chea.
Para o día seguinte, case que á mesma hora o raposo achegouse á carballeira para volver a comer.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
Chea de medo a pega botoulle outro pego. O raposo que hoxe non traía tanta fame doulle tempo a saborear aquel exquisito bocado e foise todo contento pensando que ó día seguinte xa sabía a onde tiña que acudir para calma-la súa fame.
E así fixo. Chegada a hora de comer o raposo foi cara a carballeira. Chegou ó pé do carballo e...
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me áas un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
A pega toda atemorizada botoulle outro peguiño. Así ata que certo día, cando xa só lle quedaban dous filliños, veu a conversa entre o raposo e a pega un carrizo que pasaba por alí.
—Oe, non é por nada, pero coido que estás facendo mal.
—¿Como que estou facendo mal? Se non lle boto un fillo corta o carballo e vai comer todos. —Dixo a pega toda apesarada.
—¡Que va, muller! O que lle tes que dicir e que sen serras nin machado non se tronzan os carballos. Xa verás como non é capaz de facelo.
—¿Ti cres? ¿Non me enganarás?
—Non muller, ¿como te vou a enganar? ¿Que gaño eu con enganarte?
—Ben, pois así farei. Agardo non arrepentirme.
Ó outro día a iso da hora de comer o raposo acudiu á cita todo confiado con apaga-la fame con outro dos fillos da pega.
—¡Pega, peguiña! ¡Eh, pega! ¿Non me dás un pego?
—Non darei non, que meus fillos son.
—¡Enróscate aí meu rabo e tronza este carballo!
—Sen serras nin machados non se tronzan os carballos.
O raposo diante de tal ousadía enroscou o rabo ó carballo e empezou a facer forza, pero claro, o carballo non caeu. Ameazou e berrou contra a pega, pero non lle serviu de nada e tivo que marchar de alí cabreado e cheo de fame.
A pega quedou toda contenta cos poucos fillos que lle quedaban, pero aprendeu a lección para non deixarse enganar tan facilmente e quedou eternamente agradecida ó carrizo que tan ben a aconsellara.

[Conto recompilado en Sego, Artes, Riberia (A Coruña) por Manuel Axeitos Pérez, da Pobra do Caramiñal (A Coruña)]


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: