Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

CATEGORÍAS RELACIONADAS

A pega e o raposo

Unha pega fixo un niño nun salgueiro, era delgado e cando sopraba o vento dobrábase para os lados. Tiña cinco pegos, un día pasou o raposo, viu o niño e dixolle á pega:
—Pega, tírame un pego!
—Non cho tiro —respondeu a pega.
—Rabo fungueiro, tira co salgueiro!
Mentres o raposo dicía esto dáballe co rabo no salgueiro, e este bregaba e chegaba preto do chan. A pega colleu medo e tiroulle un pego.
Ó dia seguinte, o raposo volveu e coa mesma operación conseguiu outro pego.
Chegou o día que só lle quedou un pego no niño.
A pega toda preocupada viu pasar unha garza e dixolle:
—Garza, o raposo comeume catro pegos —e explicoulle como facía o raposo para comerlle os pegos.
A garza contestolle:
—Non te preocupes, o salgueiro bregue pero non cae. Cando volva o raposo dislle: a ver se tes collós a tiralo.
Asi foi. Ó día seguinte volveu o raposo polo último pego:
—Pega, tirame un pego!
—Non cho tiro —contestou a pega
—Rabo fungueiro, tira co salgueiro!
—A ver se tes collós a tiralo!
—Ah! Xa sei quen cho dixo! A garza! —dixo o raposo, mentres marchaba sen conseguir o derradeiro pego.
Á tardiña o raposo viu a garza nunha lagoa e díxolle:
—Fuches ti quen falaches coa pega. Agora voute comer!
—Vale, pero primeiro tes que voar no meu requicho e imos dar un paseo —contestoulle a garza.
O raposo montou na garza e esta voou moi alto. E cando estaba enrriba dunhas penas soltou o raposo.
Mentres o raposo caía, dicía:
—Escapa pena que te facho, que se desta me salvo non quero máis voda no ceo!

Recompiladora: Sofía González Díaz, alumna de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005—2006.
Informante: José González Díaz (75 anos).
Lugar e data de recollida: Sabenche, Barbadelo, Sarria (Lugo), maio de 2006.
Texto remitido por Fátima Moya Ortega, alumna de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005—2006.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

COMENTARIOS ENVIADOS

Eu recordo un fragmento (non sei se é do memo contó) no que o raposo dicía:
"Meu rabiño guiadeiro
guíame pra aquel palleiro
que se desta saio e non morro
ás festas ó ceo non volvo"

Enviado por Zona da Pastoriza o 17/04/2017 ás 12:35:07


Este conto contáramo meu pai cando era novo; el é dunha aldea chamada Teilán, preto de Rubián, preto de Sarria.

Enviado por Fernán o 18/10/2007 ás 7:34:55


O meu avó tamèn o contaba ca variante de meu rabo mazaroqueiro córtame este salgueiro

Enviado por Meu avo Placido Maques Neira o 21/05/2021 ás 16:31:21


Cando era cativa contabamo miña avoa era outra version moi parecida. Unha das frases que mais me gustaba era cado o raposo caia que dicia "me rabiño guiadeiro guiame po palleiro non me guies po ameneiro". Recordoo con moito agarimo. Zona de Cospeito

Enviado por Vanesa Ferreiro o 22/02/2017 ás 22:06:37


Enviar comentario a este artigo: