Actualizado en data 26/03/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Sobre mulleres transparentes

Robert Charroux en Archivos de otros mundos (Plaza & Janes Editores, S. A, 1985), cita, a propósito das moitas lendas que tratan de explicar o asolagamento da mítica cidade de Ys, na Bretaña francesa, outra cidade chamada Ys en Lanhelin (Ille-et-Vilaine) que estaba habitada por mulleres transparentes. Cando bebían viño, viaselles baixar pola gorxa. O mesmo autor cita outro caso en Francia, en Bresse, na aldea de Trois-Demoiselles, nas proximidades de Saint-Germain-du-Bois (Saóne-et-Loire) onde vivían tres mozas fermosísimas, que, tamén, ao beberen viño, viaselles baixar pola gorxa, coa pel tan fina e transparente como unha gasa.

Mulleres transparentes en Galicia

Jean Markale, autor do libro (Contos e lendas dos países celtas, Toxosoutos, Noia, 1998), recrea a única lenda co mesmo motivo da que temos constancia en Galicia, e as semelllanzas entre a lenda galega e a protagonizada por San Gwennolé (o home bo) no caso da desaparecida cidade de Ys. En canto ao tema das doncelas transparentes, anota a analoxía coa lenda dunha misteriosa cidade bretona chamada Nasado, en Erquy (Côtes d’Armor) que tería desaparecida nas mesmas circunstancias. Amais, considera que a fortaleza que, segundo a lenda, domina a cidade ben puidera ser unha evocación da cidade chamada Ardóbriga, un enclave que se situaría na desembocadura do río Eume, nalgún castro da parroquia de Centroña. Estamos, seguramente, diante dun caso de transposición cultural dun tema moi presente no lendario popular bretón, pero de escaso arraigo na tradición galega. Velaí unha recreación da lenda en Galicia:

AS TRES DONCELAS TRANSPARENTES*

Antigamente na desembocadura do río Eume (en Pontedeume, A Coruña) había unha grande cidade, chea de xentes alegres e comerciantes adiñeirados, bonitos pazos e altas casas. Era un porto importante, e numerosos barcos atracaban alí e descargaban as súas mercadorías, que chegaban de ben lonxe. E non menos numerosos carros saían polas estradas, para repartir polas contorna aqueles produtos. No alto da cidade, para protexela de bandoleiros e piratas, construíran unha fortaleza na que vivían moitos soldados que pacificaban o país e que se comportaban dun xeito honorable, pois a cidade estaba ben gobernada. Mais sucedeu que os soldados son homes, e, cando non estaban de servizo, baixaban a cidade a descansar. E na cidade había moitas mozas fermosas. Por iso, en ocasións, prendados dalgunha das mozas, non regresaban á torre. E aínda que eran severamente advertidos e castigados, a cousa repetíase con frecuencia. Entre todas as mulleres da cidade había tres que eran as máis desexadas. Vivían nun pazo que dominaba o porto. Ninguén coñecía as súas orixes familiares, pois chegaran de fóra, mercaran o pazo sen regatear e instaláranse nel no medio da maior das comodidades e con moitos criados para servilas. Presidían todas as festas que se sucedían na vila, e os banquetes que daban no seu pazo eran famosos. Soldados e oficiais competían por ser convidados a eles. E as tres rapazas, que parecían gozar de riquezas inesgotables, tiñan outra característica que chamaba enormemente a atención de todos. Eran practicamente transparentes. A súa pel era tan fina que cada vez que bebían viño íase vendo como a cor tinta baixaba pouco a pouco polo seu corpo. Todos os oficiais estaban tolos por elas, e esa era a razón de que houbese rifas, pelexas e duelos que acababan en ocasións con feridos e mortos, o que incomodaba grandemente ás autoridades. Deseguida comezaron os rumores de que as tres doncelas eran mouras e pertencían ao pobo máxico que vive baixo os castros, as antas e as fontes. E outros dicían que eran meigas, e que enfeitizaban aos homes con filtros de amor que lles servían na bebida. O caso é que progresivamente os soldados ían a menos, e o enfado dos superiores ía a máis. Chegou un momento no que a seguridade da cidade se viu seriamente comprometida. No monte, á esquerda do que hoxe é Pontedeume, sobre os acantilados, vivía un vello ermitán, completamente solitario. Os dirixentes da cidade fórono buscar, para consultarlle a súa situación: que, sendo xefes do máis importante exército, non podían contar con el, pois caera baixo o influxo de tres mozas transparentes. Facían iso porque o vello tiña fama de sabio e de curandeiro, e de bo director espiritual. Nada máis mentarllas, o vello púxose a imprecar e a orar.

—Coñécelas? —preguntáronlle.

—Demasiado. Sendo iso así, non lle hai que facer: os homes están pervertidos, a cidade roída, e o castigo vai vir logo.

Colleu unha póla de mazaira, subiuse a unha lomba e botou unhas maldicións ollando a cidade. O ceo cubriuse subitamente e o vento comezou a rosmar nas árbores.

—Esta noite quedade na fortaleza —díxolles—. Non se vos ocorra baixar á cidade e non vos estrañedes do que pase.

Volveron pois os homes, tristes e ansiosos. E esa noite, mentres eles e as súas familias se gardaban na fortaleza, soldados e oficiais baixaron á cidade e foron á festa das doncelas transparentes. Á media noite levantouse o temporal. Choveu a Deus dar, o vento arrastrou lousas e pedras, tremeu a terra e unha onda xigante avanzou e tragou as casas. Pola mañá o ceo era limpo, pero onde houbera cidade só había mar, un mar que petaba contra as rochas escarpadas. Só a fortaleza, máis aló do alcance das augas, se salvara.

___________

*Recreación do escritor Xosé Miranda publicada no libro en coautoría con Antonio Reigosa que leva por título A flor da auga. Historias de encantos, mouros, serpes e cidades mergulladas, Ed. Xerais de Galicia, 2006, páx. 31-33. O mesmo autor anota: Recollino do libro de J. Markale. Contos e lendas dos países celtas. Toxosoutos, Noia, 1998. Pero permítaseme dubidar de que Markale fose o recompilador (e mesmo o redator) da parte galega. Por outra parte, non se citan informantes.

+ info. Existe outra recreación en Guía ilustrada Galicia invisible de Antonio Reigosa (autor/a)e Noemí López Vázquez (Ilustrador/a) , Edicións Xerais de Galicia, 2010, páx. 38-39.

+ info Ilustración (debuxo): Enorme Ponte D Eume (Pontedeume) 1944. Jenaro Pérez Villaamil y Duget (Ferrol, 1807 – Madrid, 1854. Museo de Belas Artes da Coruña

__________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: