Actualizado en data 10/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Literatura oral

[Conto Tipo 15 + 4] Os bautizos do raposo

Cando os animais falaban houbo un ano de moitas neves, tanto o raposo coma o lobo pasaron unhas fames moi grandes. E, falando delas, un día dixo o raposo:
—Compadre, o mellor que podemos facer é cava-lo monte para ver se collemos pan para o gasto. Así, polo menos non morreremos de fame.
—¡Moi ben pensado compadre! —dixo o lobo— Pero, ¿que imos comer mentras esteamos traballando?
—Eso amáñase fácil. Cebamos un porco e así que fagámo-la matanza comezamos a cavar.
Os dous estiveron dacordo e cebaron o porco, fixeron a matanza e foron enterralo para que ninguén o vise, pero deixándolle o rabo fóra, non fose que despois non soubesen ben do sitio.
Puxéronse a cavar un monte de uces. O lobo cavaba canto podía e facía moito traballo, máis o raposo, levando unha uciña de aquí para alí ou tirando da raíz dun felgo, non facía nada.
Como o raposo é tan pillo, un día que lle entrou a fame, díxolle ó lobo:
—Ei compadre! Parece que me chaman.
E poñendo unha man na orella coma se fose para oír mellor continuou:
—Ai, é vostede comadre! Agora vou! Agora vou!.
E dirixíndose ó lobo:
—É unha comadre miña que me chama para que lle sexa o padriño dun fillo que tivo. Xa ve, compadre, que non podo faltar, con que vou alá e logo veño.
—¡Pois vaia, vaia...que é unha obra de caridade!
Marchou o raposo dereito ó porco e deuse unha boa fartura. Deitouse un pouco e cando lle pareceu, volveu para onde quedara o lobo dicíndolle:
—Ai, que cansado veño! Canto ten un que padecer neste mundo de Deus!
—E logo ¿como lle puxo ó afillado? —preguntou o lobo.
—Púxenlle "Principiatis".
—Pois é un nome ben bonito.
Puxéronse a cavar outra vez e o pobre do lobo, que traballaba todo o que podía, sentiuse cansado e dixo:
—¡Compadre! ¡Podiamos comer un anaco de cocho!
—Non, eso non pode ser! Se fartámo-la barriga, despois non temos ganas de cavar. É mellor acaba-lo traballo e despois fartarnos ben —dixo o pillo raposo.
Seguiron cavando e, de alí a un pouco, fixo o raposo como se volvesen a chamar por el para outro bautizo. Marchou dereito ó cocho e deuse outra farta tan grande coma a primeira e durmiu outro bo pedazo.
Cando chegou a onde estaba chegou dicindo:
—É unha desgracia ser tan caritativo! Veño que non me teño! Tiven que ir moito máis lonxe ca antes!.
—Pois descanse un pouco, compadre!. E como lle puxo ao pequenote?
—Púxenlle "Segundatis".
—Pois aínda é máis fermosos có outro! —respostou o lobo.
Volveron ó traballo e pola tarde outra vez fixo o zorro que o chamaban para outro bautizo.
E o que fixo foi ir acabar de come-lo porco. Cando durmiu dabondo veu para onde estaba o lobo que lle preguntou:
—¿Como lle puxo esta vez, compadre?
—Púxenlle "Rematatis" Foi o último¡ —dixo o raposo.
De alí a un pouco deron o traballo por acabado e decidiron ir comer.
Chegaron a onde debía estar o porco e dixo o raposo:
—Vostede que ten máis forza ...Tire polo rabo, compadre!
O lobo deu un tirón e marchou de cu para atrás, dicindo:
—Tanto tirei que lle arrinquei o rabo!
Empezaron a escarvar, pero o porco non aparecía e empezaron a rifar un co outro. O lobo botáballe a culpa ó raposo que fora el cando fora os bautizos e o raposo dicía que fora o lobo que se aproveitara de quedar só para comelo.
Por fin o raposo puxo fin á discusión dicindo:
—Aquí non hai que discutir nada máis! Para saber a verdade ímonos deitar coa barriga ó sol, e ó primeiro que lle súe... foi que comeu o porco.
—Xa está! —dixo o lobo, que estaba seguro de que el non fora.
Máis velaí o que aconteceu: o pobre do lobo, como estaba canso de traballar, en canto se deitou xa quedou durmido, roncando coma un crego en día de festa; pero o pillo do raposo, como estaba ben descansado e cansado de durmir, non pechou os ollos. Cando lle pareceu, ergueuse moi a modiño, e foi e mexoulle na barriga do lobo, e despois volveuse deitar coma se nada fora.
Máis tarde fixo que coma se espertase, facendo moito barullo espreguizarse para que tamén espertase o lobo.
—Foi vostede quen o comeu, compadre! Mire como lle súa a barriga!
Entón o lobo, cando viu que tiña a barriga mollada, díxolle:
—E máis comín, ho, pero foi sen darme conta!
Entón o raposo empezou a queixarse que lle ía moito mal.
—Ai, compadre! Que mal me atopo! Vai ter que levarme ó lombo!
Foi o lobo e colleu co raposo ás costas, e como e tan pillo facía que se queixaba moito, pero polo baixo ía cantando:
—Pirulín , pirulero! ¡Comín o porco e vou "caballero"!
—Que di, meu com padre?
—Nada, nada, ho! ¡Delireo, delireo! —contestaba o raposo.

[Conto remitido por Francsico López, de Lugo, en abril de 2009. Fonte: O seu pai, das terras do Páramo contáballes este conto, xa hai anos]

© Galicia Encantada
_____________________________


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: