Actualizado en data 19/04/2024

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Morte

As caveiras de San Xoán dos Vaos

Estas caveiras, en número de cinco, están no interior pórtico da igrexa parroquial de San Xoán dos Vaos, concello de Ribeira de Piquín (Lugo). A igrexa é unha das poucas que pertenceron en Galicia á orde militar e relixiosa de San Xoán de Malta (Orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén) e conserva, como curiosidade, no muro sur polo exterior un reloxo de sol fabricado en 1742 en lousa da autoría dun Lombardero, familia de reloxeiros do s. XVIII con orixe e residencia nesta zona. O chan do pórtico da igrexa serviu de cemiterio (aínda hai persoas que meten flores entre as lousas como ofrenda aos mortos enterrados alí debaixo) e para o resgardo dos ataúdes mentres se oficiaba o funeral, pois a igrexa impedía meter os cadáveres dentro do templo. Pero, ademais, no muro interior do lado oeste do mesmo pórtico (denominado polos veciños do lugar cabildro), mesmo en fronte da fachada da igrexa, incrustadas nunha parede ben caleada, pódense ver as cinco caveiras humanas. As caveiras quedan altas (entre 2,66 e 3,44 metros), pero ordenadas, simulando a figura dun triángulo. Supoñen os veciños do lugar, dado o tamaño dalgunhas das caveiras, que poderían ser de persoas que aínda non chegaran á madurez, aínda que se contradín coa opinión popular, recollida e publicada por Miguel A. Abraira, que explica que os cráneos poderían pertencer a antigos párrocos. É unha suposición, como se poden facer outras, relativas á función simbólica daquelas caveiras que “miran” desde o exterior cara o altar maior da igrexa parroquial. Pero tampouco debemos desbotar unha idea que por simple, non ten por qué non ser considerada: candos os vivos entran na igrexa, non ven as caveiras que representan a Morte, mais cando saen, ao ver as caveiras vense na obriga de lembrar a realidade da Morte. Se cadra, simple comunicación visual entre os dous bandos nos que se organiza a existencia humana.

BIBLIOGRAFÍA


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: