Actualizado en data 15/12/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Os nomes da xente

A maneira de chamarnos con nome e apelidos, aparte de distinguirnos dos demais e de dicir de quen somos fillos, non sempre foi así. Desde o costume romano dos tres nomes, tria nomina, (praenomem, nomen e cognomen) pasouse ao uso dun único nome na Alta Idade Media. A partir do século IX apareceu un segundo nome, que é o xerme ou orixe dos apelido actuais, que podía ser o do pai, o da profesión ou cargo, o da orixe xeográfica ou xentilicio, o dun santo ou santa ou simplemente un alcume ou  calidades, físicas ou morais, da persoa.

Nunha curta mostra que escollésemos de nomes e apelidos atopariámolos de orixes dispares, tal que grega, romana, hebrea, xermánica, árabe, e máis modernamente anglosaxona ou francófona, nomes que nos chegan a través das migracións, da literatura ou do cine. É significativa a incorporación de nomes de orixe iberoamericana que se introduciron pola gran relación de xente nosa con esas terras e máis recentemente por influencia de seriais televisivos de certo éxito.

Na Baixa Idade Media abundaban en Galicia os Johan (Xoán), Afonso, Pedro, Rodrigo, Álvaro … para os homes e Constança, Inés, Tareija (Tareixa), María, Maior, Leonor, Aldonza … para as mulleres.

A partir do século XV moitos nomes e apelidos castelanízanse; así Johan pasa a Juan, Eanes a Yáñez, Vilar ou Vilamor a Villar e Villamor como consecuencia da centralización política e conseguinte castelanización da administración a través de escribáns e cregos. Nos séculos seguintes chegan outros foráneos, estes por mor da instalación de novas industrias que no caso dos vascos, con oficios relacionados co ferro, e cataláns, principais impulsores da industria conserveira, fan galegos apelidos como Artiaga, Gurriarán, Castañer ou Doménech.

Na actualidade predominan Laura, Andrea, Sara ou Alba xuntos aos exóticos Yaiza, Yessica, Iolanda e Ainhoa. En nomes masculinos abundan os Hadrián, David, Daniel e Alexandre pero tamén se escoita con certa frecuencia chamar por Richard, Elvis, Jhon ou Jairo.

O que non todo o mundo sabe é que foi a igrexa católica a que impuxo que se xeneralizase esta maneira de chamarnos. Foi a partir do Concilio de Trento, que rematou no ano 1563, cando se decidiu que os nomes fosen tomados do santoral oficial, e que se rexistrasen bautismos, vodas e defuncións cos apelidos do pai e da nai para diferenciar convenientemente as persoas entre si e, sobre todo, aos católicos dos protestantes. Mais, e a pesar desa obrigatoriedade de inscribir as persoas con eses datos nos libros parroquiais, no rural galego non se cumpriu con rigor ata o s. XIX. Nas nosas aldeas aínda hoxe é frecuente na comunicación oral que se prescinda dos apelidos e que as persoas se coñezan polo nome de pía e polo da casa ou ascendentes, cando non o é tan só por un elocuente e sonoro alcuño. O Rexistro Civil público non aparece ata 1870.

Agardámosvos na xornada a celebrar o 21 de outubro en Lugo. Dos nomes da xente falará con máis criterio a filóloga Xulia Marqués Valea, profesora con ampla experiencia en accións didácticas arredor da nosa onomástica, que nos ofrecerá o relatorio “Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego”.

©Antonio Reigosa

Disto e doutros asuntos relacionados trata a  X Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 21 de outubro de 2017; o tema “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”. (+info)

Artigo publicado en "El Progreso" o 11 de outubro de 2017.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: