Actualizado en data 18/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

CATEGORÍAS RELACIONADAS

Palabras con memoria

Un días atrás o escritor Manuel Rivas dicía “A memoria non ten que ver co pasado, ten que ver co coñecemento”. Reflexión moi certeira e necesaria pois, incluídas as definicións ao uso que traen os dicionarios, soemos pensar que a memoria é tan só unha facultade que permite reter mentalmente cousas pasadas. Pero non; a memoria, verbalizada, reflicte a percepción que temos do universo.

Soe suceder que este vivir acelerado provoque que, sen decatarnos, esquezamos o son e a música de moitas desas palabras que foron e son arrolo no devir das nosas vidas, así que para tratar de coñecer, recuperar ou actualizar a memoria desas palabras preparamos a décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, a celebrar en Lugo o 21 de outubro e que leva por título “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”

A tal fin convocamos a recoñecidas autoridades en toponimia, onomástica, lexicografía, fraseoloxía e incluso a falantes dalgunha xerga para evocar esa memoria, esa sabedoría que atesouran as palabras que, tanto se as usamos coma se non, están impresas no noso mapa emocional e son ADN da nosa biografía individual e colectiva. Boa parte do que sabemos está rexistrado aí, no disco duro da alma-espírito das palabras.

Porén, a pesar do moito esquecido, seguimos vivindo rodeados de nomes cos seus significados. Os nomes da terra, dos camiños, das plantas, das fontes e dos ríos, das covas e das pedras, dos ventos e das estrelas, das néboas, das montañas ou do mar son rastros que deixamos. Os nomes dos obxectos, os dos males que padecemos, os nosos propios nomes e apelidos, incluídos os alcumes, gardan historias que contar, nacidas unhas no lonxincuo esplendor das vellas culturas e outras no íntimo da casa, aldea ou rúa, con significados concretos, case secretos.

Onde se chama Pena da Moura, un supoñer, é seguro que hai un relato dun ser encantado chamado así, Moura, que reside ou residiu por alí e que, se temos curiosidade, pode contarnos das crenzas relixiosas dos nosos tataravós. Onde lle din Fonte do Encanto, hai ou houbo “encantados”, e onde Pena da Vella aínda hai recordo dunha muller anciá, seguramente referido á mesma divindade que lle presta o nome ao Arco da Vella.

Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un ou máis nomes. Sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos, porque pisamos territorios nomeados. Socializámonos compartindo unha lingua ou varias, ás veces un argot exclusivo dun gremio ou dun oficio; son moreas de palabras que ao pronuncialas ou escribilas revelan quen somos, que gustos temos e tamén que territorios pisamos.

Para rematar permítanme unha brincadeira. Trátase dun conto de ampla difusión. O protagonista é un mozo que vai estudar fóra. Cando regresa, xeralmente aos poucos días pois é de capacidades limitadas, ve ao pai traballando na eira cunha ferramenta.

O mozo pregúntalle ao pai: Papá, como se chama iso? O pai, incrédulo, responde: Xa non te acordas? Non! E di o pai: Ponlle o pé enriba dos dentes! O mozo faino e, en consecuencia, recibe o golpe contundente do mango contra o propio dentame.

Agora si; xa ten memoria, e dixo: Carallo, anciño, como me mancaches!

Un golpe de efecto simbólico para activar a memoria desas nosas palabras é o que pretendemos.

©Antonio Reigosa

Disto e doutros asuntos relacionados trata a  X Xornada de Literatura de Tradición Oral que se vai celebrar en Lugo o 21 de outubro de 2017; o tema “Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes … con historia”. (+info)

Artigo publicado en "El Progreso" o 27 de setembro de 2017.


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: