Actualizado en data 11/10/2017

rss
facebook
twitter
mouraGaliciaEncantada
mouraGaliciaEncantada

Contos e historias de raposos (e VI)

Estes textos (fábulas, contos e sucedidos) son o resultado dun traballo escolar, complementario da lectura do libro “Memorias dun raposo”, realizado por alumnos e alumnas do IES San Rosendo de Mondoñedo.

Con agradecemento ao profesorado que o impulsou e ao alumnado que recompilou (citados en cada caso) e aos seus respectivos informantes. A ilustración é da autoría da alumna Adriana Morán Currás.

Había unha señora que tiña unha galiña con pitos debaixo dunha cesta. Esa noite veu o raposo e comeu os pitiños que estaban debaixo da cesta.

—Ai, si! —dixo para si a señora—. Heiche meter a cadela dentro da cesta!

Entón, ao outro día, o raposo volveu e andaba osmando arredor da cesta.

—Óleme a can! Pito será! —dixo o raposo.

Deu unhas cantas voltas arredor da cesta e decidiu levantala. Entón encontrouse coa cadela que pegou atrás del ata que acabou co raposo.

[Recollido por: Antía Neira Fraga, 1º ESO. Informante: Avó Manolo (81 anos) e avoa Isolina (83 anos), de Lindín, Mondoñedo (Lugo)].

Un raposo e mais un lobo estiveron na porfía e foron ao traballo cun púcaro de leite. O raposo. Como é máis pillabán, bebeu o leite.

—Fuches ti, lacazán!—dixo o raposo.

—Non, fuches ti —dixo o lobo.

Imos deitar a barriga ao sol e ao que lle súe será o que non bebeu.

O raposo fixo que durmía, e como o lobo estaba durmindo de verdade, foille mexar na barriga.

—Ai, lacazán, fuches ti o que bebiches o leite —díxolle o raposo ao lobo.

E quen o bebera fora o raposo.

[Recollido por: Antía Neira Fraga, 1º ESO. Informante: Avó Manolo (81 anos) e avoa Isolina (83 anos), de Lindín, Mondoñedo (Lugo)].

Unha vez ía un home vello andando por un camiño e pelando ao mesmo tempo unha mazá. O raposo ía detrás ulindo as mondas que o home tiraba no chan, e mexaba nelas para que ninguén as comese. Cando se acabaron, o raposo deu a volta cara atrás ulindo as pelas da mazá.

—Nesta non mexei! –dicía seguido o raposo ata que as comeu todas despois de ter emxado por elas.

[Recollido por: Antía Neira Fraga, 1º ESO. Informante: Avó Manolo (81 anos) e avoa Isolina (83 anos), de Lindín, Mondoñedo (Lugo)].


Comparte en.

Facebook Twitter Email

Imprimir.

PDF Online

Enviar comentario a este artigo: